Tuesday 07 de May de 2024

A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de catro ríos ao seu paso polo concello de Cariño


Estes traballos desenvólvense na parroquia de Santa María da Pedra, no río Moreira e nun segundo innominado; así como no río Garita, na parroquia de Sismundi; e no rego do Seixo ao seu paso polas parroquias de Feás e de Landoi

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de catro ríos ao seu paso polo concello de Cariño.

Estes traballos desenvólvense na parroquia de Santa María da Pedra, no río Moreira e nun segundo innominado, ao seu paso polo lugares de Murela, As Cañotas e Barreiros.

Tamén se están a realizar tarefas de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Garita, na parroquia de Sismundi; así como no rego do Seixo, ao seu paso polas parroquias de Feás e de Landoi.

As tarefas céntranse na roza selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.